Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

-->> A Xunta avanza detalles do terceiro Plan de Rescate aos hostaleiros

Fuente: Xunta de Galicia
23/03/2021

O vicepresidente primeiro calcula que a Galicia lle corresponden arredor de 300 millóns tendo en conta o peso das pequenas empresas na comunidade
O vicepresidente primeiro da Xunta reclamou ao Goberno central axilidade e criterios obxectivos no reparto das axudas prometidas para autónomos, pequenos empresarios e hostaleiros que o Executivo central aínda non concretou. Fíxoo nunha xuntanza que Alfonso Rueda, xunto cos conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo con representantes dos hosteleiros para avanzar no 3º Plan de rescate no que a Xunta xa está a traballar.

Alfonso Rueda lamentou que o Goberno central non teña concretado nin os criterios de reparto das axudas nin canto lle corresponderá a Galicia, pero lamentou que se estea a falar de 200 millóns “cando o cálculo obxectivo de autónomos e microempresas que ten a comunidade acredita que a cantidade ten que estar en torno aos 330 millóns”, subliñou.

Nese novo encontro con representantes do sector, encadrado na liña de colaboración e de diálogo aberta desde o inicio da pandemia, barallouse a posibilidade de seguir avanzando na desescalada da hostalería se os datos epidemiolóxicos seguen a ser positivos. En todo caso, non se relaxarán as medidas vixentes ata despois da Semana Santa. O sector, ademais, pediu que se incremente a vixilancia policial, sobre todo nos días festivos que se aveciñan, para perseguir o incumprimento das normas e evitar dar pasos atrás na progresiva implantación do plan de hostalería segura.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, incidiu en que a día de hoxe a Xunta xa ten abonadas axudas do 2º Plan de Rescate por valor de 9,7 millóns de euros.

O prazo do 2º Plan de rescate conclúe hoxe e a Xunta xa ten contabilizadas 40.834 peticións de axudas por parte do tecido empresarial galego. Tal e como incidiu Lorenzana, xa se está a traballar no 3º Plan de Rescate “para estar preparados e activalo en canto cheguen os cartos do rescate prometido polo Goberno do Estado”. Tal e como demostrou Galicia co 1º e co 2º plans de rescate, “é posible descargar de burocracia a tramitación para que os cartos cheguen canto antes e aporten liquidez aos negocios que máis o precisan”, manifestou Lorenzana, que volveu reclamar a simplificación na tramitación e que o reparto dos cartos entre as Comunidades Autónomas que faga o Estado sexa xusto e teña en conta que “o 97% do noso tecido empresarial son autónomos e microempresas”.