Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

A Xunta propón que durante o contexto actual de pandemia se baixe o IVE da luz do 21% ao 10% para evitar o encarecemento do prezo

Fuente: Xunta de Galicia
27/01/2021

Pide ao Goberno que sexa sensible ás circunstancias excepcionais que están a atravesar moitas familias, pemes e autónomos debido á crise da covid
   
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, instou hoxe ao Goberno a adoptar as medidas que sexan necesarias para evitar o encarecemento do recibo da luz e as continuas flutuacións no prezo da electricidade como, por exemplo, baixar o tipo impositivo do IVE do 21% ao 10% mentres se manteña o contexto actual marcado pola covid-19.

En resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios na Cámara galega, Conde indicou que esta medida xa foi aprobada noutros países da Unión Europea, por iso pediu ao Goberno que sexa sensible ás circunstancias excepcionais que están a atravesar moitas familias, pemes e autónomos debido á crise da covid. O pasado 8 de xaneiro o prezo da electricidade no mercado ao por maior rozou os 115€/MW hora en España. Unha cifra récord que non se acadaba desde o ano 2010 e que, xunto ás fortes subas rexistradas ao longo da primeira quincena do mes, levará á que as familias teñan que pagar un 25% máis no recibo da luz.

O vicepresidente económico reiterou que o obxectivo da Xunta é garantir o acceso a unha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica e que non se produzan cortes na subministración. Por iso lembrou que xa se convocaron as axudas do bono eléctrico deste ano -cunha dotación inicial de 1,3M€-, coa posibilidade de incrementar o orzamento en caso de que fose necesario, tal e como se fixo en 2020.

Conde precisou que o tirón da eólica nos últimos días pola climatoloxía, e a estabilización do mercado do gas atenuaron o incremento do prezo da produción eléctrica. Pero insistiu en que o problema subsiste porque non se trata dunha suba conxuntural, senón que detrás está o modelo de transición enerxética do Goberno, inxusto e desordenado, que está a pechar centrais térmicas sen ter unha tecnoloxía de substitución suficientemente madura.

Apoiar o sector do comercio

Con respecto ao sector do comercio, o vicepresidente económico agradeceu tamén no Parlamento galego o traballo conxunto para afrontar os retos que trouxo a covid-19 e dixo que a Xunta é plenamente consciente dos sacrificios que desde hoxe van ter que asumir os comerciantes.

Ao respecto, remarcou que o Goberno autonómico vai seguir estando ao seu carón, dando cobertura ás súas necesidades e axudando a impulsar a súa dixitalización e internacionalización. Segundo indicou, o sector do comercio galego pode acollerse ás axudas que se programen no segundo plan de rescate que se activará en febreiro e que, tal e como anunciou hoxe mesmo o presidente da Xunta, se amplía de 50 a 75 millóns de euros.