Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

-->> A Xunta xa abonou ao sector do ocio nocturno o 84% das axudas aprobadas para sufragar os gastos de alugueiro

Fuente: Xunta de Galicia
08/01/2021

O Goberno galego apoia, con contías de ata un máximo de 20.000 euros, aos titulares dun contrato de aluguer de discotecas, pubs, cafés-espectáculos, salas de festas e salas de concertos que permanecen pechados desde o 15 de agosto
A Xunta xa abonou ao sector do ocio nocturno 84% das axudas aprobadas para sufragar os gastos de alugueiro e que establece contías máximas de 20.000 euros por beneficiario. Deste xeito, xa se teñen aboado 175 solicitudes das 207 aceptadas e con toda a documentación requirida, por un importe de máis de 553.600 euros.

Desde a publicación da orde de axudas recibíronse 287 solicitudes, das que 43 foron excluídas por non reunir os requisitos da convocatoria e outras 35 por non enviar os xustificantes requiridos ou por renunciar a axuda. Deste xeito, estarían en disposición de pagamento 209 solicitantes, dous deles pendentes de enviar toda a documentación necesaria, cuxo prazo remata este sábado.

A Xunta contribúe así a sufragar os custos de alugueiro dos locais de ocio nocturno que permanecen pechados, agás as terrazas, desde o pasado 15 de agosto polas restricións sanitarias para conter o coronavirus. Isto é, discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Trátase dunha das medidas do Plan de reactivación de ocio nocturno, que no marco da canle diálogo directo co sector, inclúe tamén axudas para o mantemento do emprego e para a celebración de concertos cando sexa posible segundo a situación epidemiolóxica.

As axudas ao alugueiro van destinadas aos titulares de establecementos de ocio nocturno que teñan contrato de alugueiro en vigor desde xaneiro de 2020 e que deberán estar vixentes durante un ano desde que se permita a reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período.

A contía, que chegará a todos os que as soliciten e cumpran os requisitos, variará en función do importe mensual do alugueiro e pode acadar ata os 20.000 euros.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou tamén que a hostalería conta cunha liña específica de apoio no marco do Plan de Rescate, dotado con 86 millóns de euros, para autónomos, microempresas e sector da hostalaría. Nesta liña, destacou que xa se aboaron máis de 60 millóns do 76% das solicitudes. Por iso, reclamou a implicación de todas as administracións para que estean á altura no apoio aos sectores máis afectados pola pandemia.