Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

A Xunta aboa cerca do 80% das axudas do Plan de rescate, das que 14.000 van dirixidas ao sector da hostalaría

Fuente: Xunta de Galicia
09/01/2021

O Goberno autonómico pagou 30.539 axudas dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector hostaleiro por valor de case 61 millóns de euros
   

A Xunta xa aboou un total de 30.539 axudas, case o 80% das solicitadas, no marco do Plan de Rescate dirixido a persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector hostaleiro pechado por mor das medidas sanitarias aprobadas desde o mes de outubro. Cerca de 14.000 pagamentos chegaron a día de hoxe ao sector da hostalaría que, ademais de optar á liña urxente específica aprobada polo Goberno galego para outorgarlles liquidez, podían acceder as outras dúas, ao se complementar entre si.

A Administración autonómica recibiu un total de 40.423 solicitudes no marco do Plan de Rescate para compensar as actividades económicas máis prexudicadas por mor da Covid-19. O 76% dos pagamentos destes apoios xa foron efectuados nas últimas semanas grazas a un mecanismo de tramitación áxil e sinxelo que permitiu a 30.539 beneficiarios que cumpriron con requisitos, recibir os aboamentos, por unha contía total de 60,8 millóns de euros.

A liña específica da hostalaría recibiu 9.193 solicitudes de axudas para establecementos pechados por mor da pandemia desde outubro. Delas, cerca do 80% xa están pagadas, por un importe total que supera os 11 millóns de euros.

A Xunta é consciente do sacrificio que o sector da hostalaría está a asumir a causa das imprescindibles medidas sanitarias que fixan condicións para evitar as reunións sociais nos seus establecementos. Por iso desde o primeiro momento deseñou, da man dos principais representantes provinciais do sector e co Clúster de Turismo, medidas urxentes e axudas directas que lles aportasen liquidez. Precisamente as tres liñas do plan de rescate -autónomos, microempresas e sector hostaleiro- se fixeron compatibles entre si, polo que bares, restaurantes, aloxamentos e outros establecementos podían optar ás tres liñas. E así o fixeron. A metade das peticións recibidas polo Goberno autonómico procedían desta actividade e un total de 13.914 axudas aboadas se dirixen a este sector.

En canto aos autónomos, o Plan de rescate permitiu inxectar un total de 20 millóns de euros a cerca de 16.000 profesionais que solicitaron as axudas específicas. Recibíronse un total de 21.150 peticións, das que xa está resolto o 94% e aboado o 75% a día de hoxe.

No que se refire a liña de microempresas, recibíronse máis de 10.000 solicitudes, das que un 87% están resoltas e o 64% aboadas, por un importe de 16 millóns de euros.

A Xunta confía en completar nas próximas semanas o 100% dos pagamentos das axudas aos solicitantes que cumpriron cos requisitos. Para atender as peticións de todos, vén de ampliar o orzamento inicial do Plan de rescate dos 84 aos 86,2 millóns de euros.

En 2021 seguirase a traballar cos representantes dos diferentes sectores para artellar novos apoios que permitan manter a actividade económica e preservar o emprego. A primeira xuntanza da Mesa de Diálogo social celebrarase a próxima semana.