Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

Feijóo avanza 108 proxectos cos que Galicia podería optar aos fondos europeos de reconstrución e mobilizar un total de 9.400 M€

Fuente: xunta de Galicia
22/10/2020

Reitera a necesidade de coñecer o criterio a seguir na distribución dos fondos. Traslada a preocupación de que España se conforme con solicitar a Europa só a metade dos 140.000 millóns de euros que nos corresponderían

Pola súa banda, o vicepresidente segundo incidiu en que xunto coa sensibilidade dos proxectos co ámbito sanitario, estas iniciativas sitúan as mozas e mozos, mulleres e persoas maiores no centro da transformación de Galicia
   
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe 108 proxectos cos que Galicia podería optar aos fondos europeos de reconstrución. Máis dun centenar de iniciativas que, grazas á colaboración público-privada, mobilizarían un total de 9.400 millóns de euros.

No tocante aos proxectos, subliñou que, seleccionados en catro eixes para dar resposta aos retos sanitarios, económicos, sociais e medioambientais derivados da crise xerada pola pandemia, centraranse en catro eidos: na modernización do tecido produtivo, na mobilidade sustentable e na transición ecolóxica, nunha Galicia máis cohesionada social e territorialmente e nunha administración dinámica e dixital.

Uns proxectos, en definitiva, para promover, un crecemento económico: verde, dixital, e inclusivo, dixo, subliñando que se trata dunha primeira entrega de iniciativas sólidas, definidas e estudadas para recibir e executar os fondos que correspondan que se remitirán ao Goberno central nas próximas horas.

O presidente da Xunta reiterou a necesidade de coñecer o criterio a seguir na distribución dos fondos, subliñando que non cabe un sistema de reparto por cotas territoriais nin á carta, senón que debe ser mediante concorrencia competitiva e primando o interese xeral e non criterios partidistas.

Nese sentido, trasladou a preocupación de que España se conforme con solicitar a Europa só a metade dos 140.000 millóns de euros que nos corresponderían e renuncie, nesta primeira fase, a un segundo tramo de 70.000 millóns de euros, que se outorgarían en forma de préstamos. “Cremos que esta decisión supón unha perda de oportunidades”, sentenciou.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo, Francisco Conde, incidiu en que xunto coa sensibilidade dos proxectos co ámbito sanitario, estas iniciativas sitúan as mozas e mozos, mulleres e persoas maiores no centro da transformación de Galicia.

Tal e como especificou, dentro do primeiro eixe centrado na modernización do tecido produtivo enmárcanse 32 iniciativas cunha mobilización de 4700M€. O segundo eixe, dirixido a promover a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica engloba 33 propostas que suporían 2700 millóns. En canto ao eixe destinado a impulsar unha Galicia máis cohesionada social e territorialmente inclúe 27 proxectos que mobilizarían 1300 millóns de euros. Finalmente, hai un total de 16 actuacións cun investimento de 614 millóns de euros para lograr unha administración máis dinámica e dixital.

Conde tamén aclarou que tras identificar estes proxectos a Xunta seguirá avanzando na busca de novas propostas a través da colaboración co tecido empresarial, do diálogo social e da man do Comité de expertos económicos. Así, mañá mesmo se celebrará unha nova reunión da Comisión Next Generation.