Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19
-->> La Diputación de Pontevedra y ABANCA lanzan el Plan Reactivación con una nueva linea de financiación para paliar la crisis de la COVID19
Fuente: Diputación de Pontevedra
18/05/2020

Mobilizaranse 50 millóns de euros en condicións preferentes para a obtención de liquidez e para investimentos co fin de emprender e fomentar a dixitalización e a eficiencia enerxética
 A Deputación de Pontevedra e ABANCA subscriben o lanzamento do Plan Reactivación, unha iniciativa que lle dá continuidade e un novo impulso ao Plan Activamos que ambas as dúas entidades aplicaron nos últimos anos para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da concesión de financiación en condicións preferentes a diferentes colectivos.

No acto de sinatura telemática participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Negocio Institucional de ABANCA, Santiago Novoa. Neste deuse tamén a coñecer a principal novidade deste ano: a posta en marcha dun capítulo dedicado especificamente a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria xerada pola COVID-19 sobre as empresas e as persoas autónomas da provincia.

A presidenta provincial enalteceu a nova liña de financiación destinada a favorecer ao sector socioeconómico, "que necesita tanta axuda nestes tempos nos que temos que adquirir compromisos, cada quen nas súas competencias".  A seguir, a presidenta sinalou: "cando falamos de actividade económica estamos a falar de emprego, polo que calquera medida que favoreza a saída desta crise merece o noso apoio".

Pola súa banda, o director de Negocio Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, explicou que "a renovación desta alianza estratéxica coa Deputación de Pontevedra permítenos apoiar o tecido socioeconómico da provincia a través da aportación de crédito en condicións vantaxosas. Neste momento de especial dificultade que están a vivir as pequenas e medianas empresas como consecuencia da COVID-19, esta oferta lles permitirá atender necesidades de financiación, competitividade ou dixitalización".

Condicións preferentes


A través do Plan Reactivación Pontevedra, ABANCA pon á disposición das súas beneficiarias e beneficiarios diferentes produtos financeiros deseñados para darlles resposta ás necesidades das familias, as pemes, as persoas autónomas e as corporacións locais. A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, na existencia de amplos prazos de amortización e na posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

No caso das pemes e persoas autónomas, o Plan Reactivación préstalles especial atención ás necesidades de financiamento a curto prazo destas. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada a cubrir as necesidades de circulante derivadas da crise da COVID-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.

Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

Máis de 270 millóns de euros

Desde a súa creación baixo a denominación de Plan Activamos, a iniciativa inxectou máis de 272 millóns de euros na provincia de Pontevedra para apoiar familias, persoas autónomas, empresas e corporacións locais. En 2019 o tecido socioeconómico da provincia de Pontevedra recibiu financiamento por un importe de case 52 millóns de euros. En total, realizáronse máis de 2.000 operacións de financiamento cun importe medio de 25.400 euros. As principais destinatarias do financiamento concedido foron as pemes e persoas autónomas, que protagonizaron o 96 % das operacións realizadas.