Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

-->> Feijóo salienta o compromiso da Xunta co comercio de proximidade a través de apoios ao consumo por 21 millóns de euros

Fuente: Xunta de Galicia
24/05/2021

Subliña que o Bono activa comercio, con descontos de 30 euros por consumidor, conta xa con máis de 5.000 comercios adheridos e máis de 110.000 beneficiarios
Lembra que aínda está aberta ata o catro de xuño a convocatoria das axudas á dixitalización comercial, dotada cunha partida de 5 millóns de euros

Incide en que a Xunta tamén activou dous Plans de rescate por 182 millóns para aliviar a situación dos autónomos e das microempresas, coa concesión de máis de 60.000 axudas
   
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta co comercio de proximidade a través de apoios ao consumo por 21 millóns de euros.

Durante unha visita esta mañá aos establecementos comerciais da rúa da Oliva, en Pontevedra, Feijóo recordou que, ademais desta achega para incentivar as ventas e o consumo, a Administración autonómica puxo en marcha o Plan de comercio seguro, para dar seguridade e confianza a negocios e clientes, así como numerosas iniciativas ao abeiro dos plans de reactivación para paliar a caída de ingresos do comercio de proximidade, dotadas con máis de 70 millóns de euros.

Nesta liña, subliñou que o Bono activa comercio conta xa con máis de 5.000 comercios adheridos e máis de 110.000 consumidores beneficiarios. “Estamos a falar dun programa que, cunha dotación de 10 millóns de euros, facilita descontos de 30 euros por consumidor, co fin de animar a mercar produtos de proximidade”, precisou, resaltando que esta iniciativa suporá unha inxección para o consumo de máis de 55 millóns de euros.

Cómpre salientar que destes 110.000 bonos que se consumiron xa en toda Galicia, o 30% empregáronse nas tendas do téxtil, seguido das librerías, salóns de peiteado, ópticas e droguerías.

Así mesmo, destacou o Plan renove electrodomésticos, para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares, que conta con máis de 10.000 solicitudes, 3.400 desta provincia; e o Bono enerxía peme-comercio, cun investimento de 3 millóns para mellorar envolventes, iluminación ou electricidade.

“E aínda está aberta ata o catro de xuño a convocatoria das axudas á dixitalización comercial, dotada cunha partida de 5 millóns de euros”, dixo, co fin de modernizar o sector e aliñalo coas tendencias de futuro no consumo.

O titular do Executivo galego aproveitou a visita para referirse ademais ás axudas a terrazas co fin de facilitar a adaptación dos hostaleiros ante a pandemia; unha iniciativa que contou cun investimento de 11 millóns de euros.

E, con ese mesmo espírito, lembrou que a Xunta activou dous Plans de rescate por 182 millóns de euros para aliviar a situación dos autónomos e das microempresas, coa concesión de máis de 60.000 axudas.